A música popular galega na educación secundaria obrigatoria

  1. Méndez García, Teresa Elvira
Dirigida por:
  1. Jurjo Torres Santomé Director/a

Universidad de defensa: Universidade da Coruña

Fecha de defensa: 25 de noviembre de 2008

Tribunal:
  1. Patricia Digón-Regueiro Presidente/a
  2. Ana Sánchez-Bello Secretario/a
  3. Eustaquio Martín Rodríguez Vocal
  4. María Clemente Linuesa Vocal
  5. João M. Paraskeva Vocal

Tipo: Tesis

Teseo: 175084 DIALNET

Resumen

A didáctica musical é hoxe un amplo campo de investigación que ten feito interesantes aportacións ó ensino musical nos diferentes niveis e etapas educativas. Sen embargo, tras unha ampla traxectoria formativa e docente, veño observando, a miúdo, unha gran diverxencia entre teoría e praxe. Mentres que a primeira avanza e promove interesantes innovacións, a segunda segue reproducindo fórmulas caducas baseadas en discursos musicolóxicos decimonónicos, tinxidos de fortes sesgos e prexuízos androcéntricos, clasistas e eurocéntricos. Esta observación impulsoume a realizar un traballo de investigación, no campo da educación musical, intimamente ligado a un feito educativo concreto: a música popular galega na Educación Secundaria Obrigatoria en Galicia. O obxectivo é coñecer cal é o papel que a inclusión da música popular galega, como manifestación musical baseada nunha tradición identitaria, pode desempeñar, no currículo da Educación Secundaria Obrigatoria en Galicia, para contribuír a desenvolver unha educación musical plural e democrática, na que teñan cabida as manifestacións musicais de distintas culturas e tradicións. Como base da investigación sitúase a concepción da música como cultura, o que implica recoñecer o profundo carácter social do feito sonoro e ir máis alá dos aspectos meramente formais e artísticos. Esta perspectiva de análise amplía a comprensión do feito musical e contribúe a facer explícitos multitude de tópicos e estereotipos asociados, consciente ou inconscientemente, e sen base científica algunha, a determinados estilos e xéneros musicais. A investigación se estrutura en tres fases: clarificación do obxecto de estudo, bases científicas da investigación e proceso de investigación, que aquí denominamos parte primeira, segunda e terceira respectivamente. Na primeira parte tratamos de coñecer a que realidade nos referimos coa denominación Música Popular Galega. Esta denominación se emprega frecuentemente para facer referencia a realidades distintas, polo que se fai necesario reflexionar sobre cada un dos termos que compoñen a expresión para delimitar con exactitude o obxecto de estudo. Na segunda parte, sentamos as bases científicas da nosa investigación. Como paso previo, analizamos as funcións educativas do feito musical e, a través dunha análise histórica, coñeceremos a evolución experimentada pola educación musical no seo do ensino obrigatorio, con especial atención a situación da música no currículo escolar do noso país, para o que analizamos a lexislación educativa en vigor e libros de texto de distintas editoriais, completando a información con entrevistas realizadas a personalidades destacadas no eido da investigación e da educación musical en Galicia. Despois de coñecer o obxecto de estudo en profundidade e sentar unhas bases sólidas da investigación, na terceira e última parte levamos a cabo o proceso de investigación. Comezamos elaborando un modelo de análise baseado nunha metodoloxía esencialmente interpretativa, que permita ir máis alá da mera cuantificación ou rexistro duns feitos, para poder coñecer as causas e factores de fondo. De seguido, concretamos os obxectivos, o paradigma científico e as metodoloxías que imos empregar, as variables obxecto de estudo e os aspectos que imos analizar e con todos estes datos procedemos a levar a cabo a análise dos libros de texto de música dos cursos 2º, 3º e 4º da ESO, de tres das principais editoriais que operan en Galicia, seguindo, para elo, o modelo elaborado anteriormente. Na terceira e última fase procedemos a elaborar unha análise global dos resultados obtidos e as conclusións da investigación realizada. O sentido último desta obra é mover á reflexión sobre a práctica docente e os valores que, consciente ou insconscientemente, se transmiten a través do discurso e dos materiais empregados. A educación musical, como calquer outra área do currículo, non está exenta de valores, polo que é fundamental tomar conciencia dos sesgos e estereotipos que está contribuíndo a perpetuar como paso previo para promover unhas prácticas educativas máis democráticas e inclusivas.