Espectáculo e "performance studies"elementos para a formalización dunha Teoría do Espectáculo e a súa tipoloxía
- Prego Cabeza, Santiago
- José-María Paz-Gago Zuzendarikidea
- Manuel Ángel Candelas Colodrón Zuzendarikidea
Defentsa unibertsitatea: Universidade de Vigo
Fecha de defensa: 2016(e)ko urtarrila-(a)k 11
- Francisco Gutiérrez Carbajo Presidentea
- Rexina Rodríguez Vega Idazkaria
- Carlos Caetano Biscaínho Fernandes Kidea
Mota: Tesia
Laburpena
O principal impulsor dos performance studies, Richard Schechner, inclúe dentro deste paradigma non so todo tipo de espectáculos, artísticos, deportivos ou taurinos, senón tamén ritos sagrados e profanos, fenómenos da vida cotiá como a actividade pública dun médico ou dun vendedor, ou actos terroristas como o ataque ás Torres Xemelgas. A performatividade abrangue por tanto á representación e á presentación. Unha cuestión que se deriva do modelo dos performance studies son as fronteiras borrosas entre os fenómenos espectaculares, que suscitan a crítica de que resulta imposible delimitar uns espectáculos de outros, de que, en definitiva, este modelo non é sólido. Unha crítica, polo demais, común a calquera teoría posmoderna. Efectivamente, este modelo non é sólido. É líquido, non conserva a súa forma, non persiste no tempo, senón que se transforma, contamina e hibrida constantemente, flúe, e tenta reflectir a realidade actual e empírica da espectacularidade, na que cada vez é máis difícil e irrelevante establecer compartimentos estancos. Ao tempo que analizamos o sistema das familias das artes do espectáculo abrollan as súas contradicións: a dificultade de enmarcar os espectáculos contemporáneos nestas categorías e a mobilidade nas fronteiras do artístico, que traen como consecuencia a imposibilidade de abranguer un enorme número de fenómenos da espectacularidade que quedan nun enorme limbo heteroxéneo. Este limbo denuncia a escasa validez da clasificación, xa que na práctica desbota a maior parte da creación contemporánea. Por iso cómpre unha achega á teoría do espectáculo desde os performance studies, na que, partindo do coñecemento dunha realidade local e periférica como é Galicia, desenvolvemos a hipótese do espectáculo como fenómeno glocal, ou sexa, no que resulta importante a valoración do local en permanente interacción co global. O obxectivo deste proxecto de investigación interdisciplinar é establecer seis criterios de clasificación, que son ausencia/presenza, artístico/non artístico, transcendente/inmanente, realidade/ficción, técnica e modo, e que se complementan con outras variables como son as xeográficas, as culturais e as relativas á súa dimensión histórica. Podemos atopar estas variables en calquera dos espectáculos, tanto nas artes do espectáculo como nas que non o son. Tamén nos ritos, na vida cotiá ou na espectacularización. Os seis criterios manexados proporcionan elementos para a formalización dunha teoría do espectáculo na posmodernidade tomándoos como polos entre os que ubicarmos nun continuum os fenómenos performativos.